viernes, 25 de noviembre de 2016

25 de novembro

Aquí quedan as imaxes de hoxe, día internacional para a eliminación da violencia contra a muller. Houbo palabras en galego, castelán, francés, palabras de mozas e palabras de mozos, palabras de alumnos e alumnas e tamén palabras de profes. Hoxe, todos e todas compartimos unha mesma mensaxe: non máis violencia!


martes, 22 de noviembre de 2016

Novas mochilas viaxeiras

A partir de mañá iniciaremos unha nova viaxe lectora. Temos as mochilas preparadas, agora faltan as familias aventureiras do alumnado de 1 de ESO.

Este ano, as mochilas chegan con novidades:

- Unha libreta que inclúe a información da actividade.
- Reseñas dos materiais (temática, idade recomendada e tempo aproximado de lectura).
- Fichas de avaliación dos materiais para cada familia.

Ademais, escollemos materiais que poden agradar tanto a pais e nais como aos rapaces e rapazas, para fomentar a lectura compartida. Tamén son materiais que permiten unha lectura en pouco tempo, para que se poida asumir nunha semana.

Outra novidade é que incluimos en todas as mochilas un libro de cociña divertida para preparar xuntos unha cea en familia e ver no sofá unha peli da biblioteca!!!

Agardamos que a vosa viaxe polos materiais da biblioteca vos faga gozar, ler e compartir. Adiante!

                                  Equipo de biblioteca



lunes, 21 de noviembre de 2016

Comezo do club de lectura de adultos do IES de Poio


As oito participantes do club de lectura de adultos déronse cita esta tarde na biblioteca do IES. Puxéronse sobre a mesa varias propostas e quedamos o próximo decembro para compartir lectura e biscoito. Comezamos!!

domingo, 20 de noviembre de 2016

Inicio do club de lectura de adultos no IES de Poio

Este luns comezaremos o club de lectura de adultos no IES de Poio co fin de integrar a toda a comunidade educativa nas actividades da Biblioteca e do noso centro. O club, coordinado pola profesora María Elena Costas, contará con 6 participantes entre profes, nais e avoas. A cita será ás 18,30 na biblioteca.

O club estará aberto para todas as persoas interesadas durante o curso, incorporándose o día dunha nova proposta de lectura. Agardámosvos.

Contacto: iespoiobiblioteca@gmail.com


sábado, 19 de noviembre de 2016

VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia


Unha pequena representación do profesorado do IES de Poio asistiu nesta fin de semana ás VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, un espazo de encontro e formación organizado pola Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería de Educación. Chegaremos a golpe de luns con ideas novas que levar a cabo e moitas reflexións sobre o papel fundamental da Biblioteca como espazo vertebrador dun ensino de calidade. Seguimos traballando... e o luns ás 18,30, iniciamos club de lectura de adultos con profes, nais e avoas!!! 

miércoles, 16 de noviembre de 2016

Club de lectura Iniciación á banda deseñada



Trala lectura de Ikigami de Motoro Mase, entre os 15 alumnos e alumnas do club concluimos que...

- Nos gustaría ter na biblioteca do centro a colección completa para seguir lendo Ikigami.

- O mellor do libro é a maneira en que se reflicten os sentimentos e emocións dos personaxes.

- Ler un manga, de dereita á esquerda, é un pouco complicado de primeiras, pero nos afacemos rapidamente.

- O plantexamento da historia é terriblemente orixinal!!!

Entre todos fomos resumindo as dúas historias independentes do volume axudados por imaxes de momentos moi impactantes na historia. E ti... que farías se soubeses que te quedan 24 horas de vida?

Bo traballo!!!



"Cinema en curso" na biblioteca


O noso centro foi un dos escollidos para levar a cabo o proxecto "Cinema en curso" que se enmarca dentro do Plan Proxecta da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. O proxecto será desenvolvido polos departamentos de Latín, Lingua galega e Historia e Xeografía co alumnado de 4º de ESO (concretamente, o grupo de 4º de ESO B).

A biblioteca servirá como centro de reunións, de visionado dos filmes e de encontro cos cineastas, e apoiará o proxecto cos materiais necesarios. Comeza un longo e fermoso traballo!!

martes, 15 de noviembre de 2016

Voluntariado: Cidades de Fran Alonso


Os voluntarios e voluntarias do equipo de biblioteca xa están a preparar "un mes, un poema" para decembro. Nesta ocasión o poema escollido pertence ao poemario "Cidades" de Fran Alonso, escollido polas voluntarias de 4 de ESO.


viernes, 11 de noviembre de 2016

Formación de usuarios: 2 de ESO


O alumnado de 2 de ESO practicando coa CDU, sinaturas, opacmeiga.rbgalicia, procuras de información específica... bo traballo!!!

jueves, 10 de noviembre de 2016

A arte e a historia en cómic. Banda deseñada na Biblioteca. Tríptico.


Para ver o documento completo en pdf pincha aquí: A arte e a historia en cómic (Equipo de biblioteca do IES de Poio)




Avaliación da formación de usuarios/as

Hoxe o alumnado de 1 ESO levou a cabo a actividade de avaliación de todo o aprendido nas xornadas de formación: procuras en opacmeiga.rbgalicia, busca de información específica en atlas, dicionarios... creación de sinaturas, procura de temas de investigación a partir dos códigos da CDU... unha sesión moi proveitosa. Bo traballo!


Un mes, un poema

Voluntariado biblioteca: Laura e Abraham de 2º de ESO colocando "Un mes, un poema" co traballo realizado por eles xunto a Alba, Noelia, Luis, Claudia, Sara... Este mes de novembro tocoulle a Bécquer. "Volverán las oscuras golondrinas..."


miércoles, 9 de noviembre de 2016

Botan a andar as caixas de materiais para a Hora de ler


Hoxe saíron da biblioteca as caixas preparadas polo equipo de biblioteca para a Hora de ler, xunto coa información para alumnado e profes. Seleccionamos materiais atractivos, con textos ou capítulos breves para que non se nos corten as historias, e sobre todo, moi variados: novela, poesía, banda deseñada, álbum ilustrado, obras de divulgación... coidade os libros e gozade da lectura porque si.

Inicio do club de lectura de poesía


Hoxe iniciamos o club de lectura de poesía con alumnado de 3º de ESO e 2º de bacharelato. A lectura proposta é Caleidoscopio, de Carmen Quinteiro Moreno, poetisa pontevedresa. O título é absolutamente axeitado ao seu contido: un caleidoscopio de formas poemáticas e de miradas en torno ao sentimento do amor. Agardamos que vos guste case tanto como a nós!!!

lunes, 7 de noviembre de 2016

Clubs de lectura para adultos no IES de Poio

Esta semana enviaremos de novo a información sobre os clubs de lectura para adultos que organiza o IES de Poio. Teremos dous clubs de novela: novelando á familia (historias da convivencia e os conflitos no seo dunha familia) e club de novela histórica. As reunións, coa fin de favorecer a conciliación da asistencia ao club coas obrigas familiares e laborais, serán unha vez ao mes. Non vos perdades esta oportunidade!!


viernes, 4 de noviembre de 2016

Última sesión de formación de usuarios/as


Traballando na biblioteca co xogo de pistas de sinaturas. Bo traballo!

Premios do I Certame de relatos de terror





Hoxe entregáronse os premios do I Certame de reltos de terror convocado pola Biblioteca do IES de Poio. A expectación foi máxima e os premios ben merecidos!! Moitas grazas aos participantes e, sobre todo, ao equipo de voluntarios e voluntarias que fixeron de xurado e a Enzo, voluntario de 2 de bacharelato, sempre disposto a botar unha man no que faga falta (esta vez, facendo de presentador do acto). Agardamos que sigades escribindo e visitando a biblioteca!!

jueves, 3 de noviembre de 2016

Xurado do I Certame de relatos de terror

Xa temos gañadores/as! Hoxe, o alumado voluntario de biblioteca que non participaba no concurso, estivo deliberando sobre os mellores relatos entregados. Se queres saber quen son os premiados, pasa mañá no recreo pola biblioteca.


miércoles, 2 de noviembre de 2016

Comezo do club de lectura de iniciación á BD

Hoxe iniciamos este club de lectura cunha desagradable sorpresa. Cada un de nós recibiu un Ikigami, a nosa sentenza de morte programada. Que farías ti se soubeses que te quedan 24 horas de vida? Ese é precisamente o argumento da nosa primeira lectura, un manga que xa se convertiu nun clásico do xénero. A próxima semana, intercambio de libros e en quince días, falaremos da nosa opinión sobre a obra. A maior dificultade? Ler de dereita a esquerda!!!!

Narración oral con Pol Do Cañizo

Co gallo da semana da Narración oral e do Samaín, e en colaboración co EDNL,pedímoslle a Pol do Cañizo que se achegase ao instituto para que nos contase contos relacionados coa morte. Foi tal cual un avó a carón da lareira!!!